ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA QUE OS PROXECTOS DE ECONOMÍA SOCIAL PARTICIPEN NOS ESPAZOS COMERCIAIS ES-POPUP DE SANTIAGO E LUGO

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA QUE OS PROXECTOS DE ECONOMÍA SOCIAL PARTICIPEN NOS ESPAZOS COMERCIAIS ES-POPUP DE SANTIAGO E LUGO

  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria avanza no impulso da economía social co programa ES-PopUp, espazos efémeros de emprendemento, que en outubro chegan a Santiago de Compostela e Lugo, tras o seu paso por Ourense
  • A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destaca que “o noso obxectivo é crear un centro comercial de economía social, que os emprendedores testen os seus produtos ou servizos e achegar a economía social á cidadanía”
  • A actividade enmárcase no proxecto POCTEP LACES (Laboratorios de apoio á creación de emprego e empresas de economía social)

 

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2019. Introducir novos produtos ou servizos, testar ideas de negocio e estender o valor da marca son algúns dos obxectivos dos espazos efémeros de emprendemento de economía social ES-PopUp, impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, que xa se iniciaron en Ourense e que chegan, o vindeiro mes de outubro, a Santiago de Compostela e a Lugo. Concretamente, a actividade na capital galega desenvolverase na praza Roxa os días 17, 18 e 19, mentres que na cidade das Murallas a cita será na praza da Soidade o 24, 25 e 26 do mesmo mes.

“Coa celebración destes espazos comerciais de emprendemento avanzamos na nosa aposta firme de apoiar os proxectos e as empresas galegas de economía social”, destacou a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e engadiu que “con ES-PopUp buscamos estimular a creación dun verdadeiro ecosistema comercial aberto, no que participen varios proxectos empresariais. A nosa idea é que actúe como un centro comercial de economía social. Deste xeito, conseguimos atraer máis visitantes e, polo tanto, achegamos a economía social á cidadanía”.

O programa de espazos efémeros de economía social ES-PopUp incluirá obradoiros formativos e sesións de titorización individuais dirixidas aos participantes da mostra. Así, as persoas emprendedoras afondarán en contidos que lles axudarán a enriquecer os seus proxectos para participar no espazo comercial. As temáticas dos obradoiros formativos estarán relacionadas co escaparatismo, co marketing dixital ou coa capacidade financeira, entre outros temas.

As persoas interesadas en participar deben inscribirse a través do formulario en liña, dispoñible neste enderezo: http://bit.ly/ES-PopUp-inscricion. O prazo para facelo remata o 11 de outubro.

ES-Pop Up enmárcase no proxecto POCTEP LACES, cofinanciado pola Unión Europea a través do FEDER e liderado pola Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

A primeira experiencia de espazo comercial ES-PopUp, impulsada pola devandita Consellería, celebrouse en Ourense o pasado mes de xuño. A actividade permitiulle a oito proxectos de economía social mellorar as súas propostas empresariais.